
Os computadores e teléfonos que preparamos e vendemos na BITNÓS teñen configurado como resolvedor DNS padrón Quad9, que recentemente ten sido noticia pola súa disposición a abandonar a Franza anes de ceder ás exixencias de identificación e censura por parte do Estado. Hoxe queremos explicar por que recomendamos Quad9, e aplaudimos a súa determinación:
Comecemos por explicar o que é un resolvedor DNS. Podemos pensar no Sistema de Nomes de Dominio (DNS, polas súas siglas en inglés) como a “guía telefónica” da Internet. Igual que todos os terminais telefónicos están identificados por un número, na internet, todos as máquinas ligadas á rede están identificadas por un enderezo IP. E as webs e outros servizos aos que accedemos, están aloxados sempre nunha desas máquinas. Así que cando escrebes un enderezo como bitnos.info no teu navegador, alguén ten que indicarlle á túa máquina que a nosa páxina web a día de hoxe está aloxada en 141.95.31.253 . Dita conversión é realizada por un tipo de servidores chamados resolvedores de DNS, unha peza invisible pero indispensable para calquera conexión na rede.
Normalmente, as consultas DNS realízanse en texto plano, sen cifrar. Aínda que hoxe a maioría das páxinas web empregan cifrado HTTPS para protexer o contido do que vemos, o servizo DNS continúa a revelar cada dominio ao que intentamos acceder, permitindo ás empresas que o xestionan facer un perfil detallado dos nosos hábitos, gostos e intereses. Quen xestiona o servidor DNS —habitualmente o provedor de servizos de Internet (ISP)— ve e rexistra cada clic e recurso solicitado, e ten a potestade de resolver ou non esa solicitude. Ou sexa, que as peticións DNS non só serven para espiar e perfilar os nosos hábitos de navegación, senón tamén para implementar medidas de censura (aqui tendes unha lista de dominios bloqueados polo Ministerio de cultura español, mediante orde aos resolvedores DNS de non dirixir as solicitudes efectuadas cara as IP dos servizos).
Por iso, contar cun resolvedor DNS cifrado e cun operador de confianza resulta decisivo para protexer a privacidade dixital.
O caso Quad9
Quad9 é unha fundación suíza sen ánimo de lucro cuxa misión é ofrecer resolución DNS recursiva gratuíta, cifrada e orientada á seguridade e privacidade das e dos usuarios. A diferenza de corporacións comerciais, Quad9 non recompila enderezos IP nin crea perfís dos usuarios (de feito, a lexislación suíza establece sancións penais se violasen eses compromisos). Ademais da privacidade, Quad9 ofrece protección automática contra ciberameazas, bloqueando máis de 600 millóns de intentos diarios de acceso a dominios maliciosos (coma malware, phishing ou botnets). Nesta entrevista, podedes coñecer a iniciativa por boca dun dos seus responsábeis, e aprender moito sobre a importancia dos DNS para a privacidade:
En Outubro deste ano, ante un caso parecido aos tristemente famosos bloqueos de internet por parte de LaLiga baixo xurisdicción española, un tribunal francés fallou a favor da empresa audiovisual beIN, esixindo a Quad9 o bloqueo de varios dominios acusados de retransmitiren competicións deportivas sen permiso. Quad9 non ten relación con eses sitios web nin aloxa contidos, así que se negou, alegando que o DNS é un intermediario pasivo e neutro. Responsabilizar o resolvedor DNS dos contidos que se ofrecen desde determinadas IP é tan absurdo como culpabilizar as Páxinas Amarelas por indicar o enderezo dun bar no que ás veces se vende alcool a menores. Ademais, para un servizo como Quad9, bloquear o acceso a certos servizos unicamente a usuarios franceses (como exixía o tribunal) é tecnicamente imposíbel. Para iso, o resolvedor DNS tería que identificar a procedencia dos seus usuarios, pero o compromiso de Quad9 é precismaente non identificar nen guardar rexistros de quen utiliza o servizo. Así que a única posibilidade técnica seria bloquear eses dominios para todo o mundo (mesmo para os usuarios daquelas xurisdiccións nas que aceder a eses servizos non é ilegal). E a fundación suíza, por suposto, negouse. Resultado: ante as multas diarias de 1.000 euros e a inviabilidade de cumprir a sentenza sen traizoar a súa misión de neutralidade e privacidade, Quad9 tomou a decisión de abandonar a prestación dos seus servizos na Franza a partir do 24 de novembro de 2026.
Como dicíamos no comezo deste artigo, os dispositivos que configuramos na BITNÓS teñen Quad9 como resolvedor DNS predefinido, e seguiremos utilizando e apoiando este servizo (polo menos mentres siga operando baixo xurisdicción espanhola). Se ti tamén queres telo, podes facelo mudando o provedor configurado nas tuas máquinas e nos teus routers para as IP 9.9.9.9 e 149.112.112.112. Se usas Android, podes facilitar a configuración instalando a aplicación Quad9 Connect.