Manifesto dun Cypherpunk

Se hai unha referencia teórica e práctica no mundo da privacidade dixital, eses son os cypherpunks. O colectivo -se é que se lle pode chamar así- surxiu na década de 90 como unha expresión xenuína daquela primeira internet, colocando no taboleiro preocupacións fundamentais sobre o poder que a era dixital ia dar a aqueles que queren aumentar o control e restrinxir as liberdades, e propondo e deseñando ferramentas criptográficas para protexelas e expandilas.

Por iso, abrimos este blog con unha traducción ao galego do histórico “Manifesto dun Cypherpunk”, publicado en 1993 polo criptógrafo Eric Hughes:


por Eric Hughes

A privacidade é necesaria para unha sociedade aberta na era electrónica. A privacidade non é segredo. Un asunto privado é algo que non se quere que todo o mundo saiba, pero un asunto secreto é algo que non se quere que ninguén saiba. A privacidade é o poder de revelarse selectivamente ao mundo.

Se dúas partes teñen algún tipo de relación, cada unha ten unha memoria da súa interacción. Cada parte pode falar da súa propia memoria sobre isto; como podería alguén impedilo? Poderían aprobar leis contra isto, pero a liberdade de expresión, incluso máis que a privacidade, é fundamental para unha sociedad aberta; non buscamos restrinxir absolutamente ningún discurso. Se moitas partes falan xuntas no mesmo foro, cada unha pode falar con todas as outras e xuntas poden acrecentar o coñecemento común. O poder das comunicacións electrónicas fixo posíbel este tipo de grupos, que non desaparecerán por moito que nós o quixésemos.

Dado que desexamos privacidade, debemos asegurarnos de que cada parte dunha transacción teña coñecemento só do que é directamente necesario para esa transacción. Dado que calquera información pode ser falada, debemos garantir que revelamos o menos posible. Na maioría dos casos, a identidade persoal non é significativa. Cando compro unha revista nunha tenda e dou efectivo ao empregado, non hai necesidade de saber quen son. Cando pido ao meu provedor de correo electrónico que envíe e reciba mensaxes, o meu provedor non precisa saber con quen estou a falar ou o que estou a dicir ou o que outros me están a dicir; o meu provedor só precisa saber como enviar a mensaxe e canto lle debo pagar. Cando a miña identidade é revelada polo mecanismo subxacente da transacción, non teño privacidade. Aquí non podo revelarme selectivamente; estou obrigado a revelarme sempre.

Portanto, a privacidade nunha sociedade aberta require sistemas de transacción anónimos. Até agora, o diñeiro en efectivo foi o principal sistema deste tipo. Un sistema de transacción anónimo non é un sistema de transacción secreto. Un sistema anónimo empodera aos individuos para revelar a súa identidade cando o desexen e só cando o desexen; esta é a esencia da privacidade.

A privacidade nunha sociedade aberta tamén require criptografía. Se digo algo, quero que só o oian aqueles para os que vai dirixida a miña mensaxe. Se o contido do meu discurso está dispoñible para todo o mundo, non teño privacidade. Encriptar é indicar o desexo de privacidade, e encriptar cunha criptografía débil indica non ter moito desexo de privacidade. Ademais, revelar a propia identidade con seguridade cando a norma é o anonimato require a sinatura criptográfica.

Non podemos esperar que gobernos, corporacións ou outras grandes organizacións sen rostro nos concedan privacidade pola súa bondade. É beneficioso para eles falar sobre nós, e debemos esperar que fagan. Tentar evitar o seu discurso é loitar contra a realidade da información. A información non só quere ser libre, ansía ser libre. A información expándese para encher o espazo de almacenamento dispoñible. A información é o primo máis novo e forte do Rumor; a información é máis áxil, ten máis ollos, sabe máis e entende menos que o Rumor.

Se queremos ter privacidade, debemos defendela por nós mesmos. Debemos unirnos e crear sistemas que permitan transaccións anónimas. As persoas veñen defendendo a súa propia privacidade desde hai séculos con susurros, escuridade, sobres, portas pechadas, apertas de mans secretas e correos. As tecnoloxías do pasado non permitían unha privacidade robusta, mais as tecnoloxías electrónicas de hoxe si.

Nós, os Cypherpunks, estamos dedicados a construir sistemas anónimos. Estamos defendendo a nosa privacidade con criptografía, con sistemas de reenvío de correo anónimos, con sinaturas dixitais e con diñeiro electrónico.

Os Cypherpunks escriben código. Sabemos que, para defender a privacidade, alguén ten que escribir software, e como non poderemos ter privacidade a menos que todos o fagamos, nós imos programar. Publicamos o noso código para que os nosos compañeiros Cypherpunks poidan practicar e xogar con el. O noso código é de libre uso para todo o mundo. Non nos importa se non aprobas o software que escribimos. Sabemos que o software non pode ser destruído e que un sistema amplamente distribuído non pode ser pechado.

Os Cypherpunks deploran as regulacións sobre criptografía, pois a encriptación é fundamentalmente un acto privado. O acto de encriptar, de feito, substrae a información do ámbito público. Mesmo as leis contra a criptografía chegan só até onde se atopa a fronteira dun Estado e o brazo da súa violencia. A criptografía espallarase inevitamente sobre todo o globo, e con ela farano tamén os sistemas de transacción anónimos que posibilita.

Para que a privacidade ince, debe ser parte dun contrato social. As persoas deben unirse e implementar estes sistemas para o ben común. A privacidade só se extenderá se os membros da sociedade cooperan entre si. Nós, os Cypherpunks, esperamos as vosas preguntas e as vosas preocupacións e agardamos poder involucrarvos, para non traizoar o noso propósito. Porén, non nos moveremos do noso curso porque alguén non goste dos nosos obxectivos.

Os Cypherpunks están activamente comprometidos en facer as redes máis seguras para a privacidade. Imos avanzar xuntos a bo paso.

Avante.

Eric Hughes | 9 de marzo de 1993

Scroll ao inicio