
Nós, os inadaptados
A principios do século XX, unha xeración de galegos respondeu a unha preocupación crecente: a nosa forma de vivir, de pensar e de expresarnos estaba a ser corroída e controlada por poderes alleos. A Xeración NÓS esforzouse por devolver ás persoas do noso país a soberanía sobre as súas propias vidas, a través da recuperación da súa dignidade, da súa historia, da súa lingua, da propiedade da súa terra e do control do seu futuro.
Un século despois, ás preocupacións daqueles homes súmase unha nova. O pensamento, a expresión, as relacións sociais, o traballo, o lecer, o comercio… foron dixitalizados a unha velocidade de vertixe, ao tempo que a internet deixou de ser o espazo de liberdade e soberanía que prometía nos seus inicios. A terra que pisamos e traballamos pasou a ser, en grande medida, virtual… e, definitivamente, xa non é nosa. Informámonos, falamos, organizámonos, compramos e vendemos a través dunha infraestrutura de dispositivos, aplicacións e redes de funcionamento opaco e forte control estatal e empresarial, deseñada para que fagamos todas esas cousas da maneira que mellor beneficie aos seus donos. O software privativo impídenos ter control completo sobre o que fan as nosas máquinas, mentres que o Big Data e a economía da atención están a converternos en persoas escravas das pantallas, ansiosas por alimentar co máis íntimo das nosas almas a engranaxe de poder máis extensa e máis profunda que existiu nunca.
Nen os piores tiranos do século XX soñaran coa posibilidade de ter acceso total ao que os seus cidadáns pensan e falan, aos seus gustos e desexos, á lista completa das súas relacións familiares, sociais e profesionais, á súa localización exacta en cada momento, ou ao detalle do seu poder adquisitivo e da súa actividade económica. Rexistrando e entregando continuamente a nosa vida dixital ás grandes corporacións tecnolóxicas e aos estados que as gobernan, estamos a alimentar tiranías futuras de auténtico pesadelo.
Mais o anonimato nas redes, a privacidade online e a soberanía sobre os propios datos aínda son posíbeis, aínda que requiran coñecementos específicos e unha vontade forte de emanciparnos. O software libre e a criptografía ofrécennos ferramentas seguras e poderosas para limitar fortemente o control de terceiros sobre a nosa vida dixital. Se os inadaptados do século XX foron intelectuais que non se resignaban a ler e pensar o que lles dicían, e procuraron referentes filosóficos e literarios que lles permitisen entender de outra maneira o mundo que lles tocou vivir, os inadaptados de hoxe bebemos dos Cypherpunks, de John Perry Barlow, de Richard Stallman ou de Satoshi Nakamoto, para proclamar a posibilidade e a necesidade de que os nosos dispositivos informáticos e os datos que xeramos e tratamos con eles volvan ser única e completamente nosos.
bitnós, soberanía dixital
Bitnós é un proxecto profesional surxido no rural ourensano, impulsado por persoas expertas en privacidade dixital que quixemos levar tamén a este ámbito a nosa aposta vital pola autonomía e a liberdade. Detrás de bitnós estamos:

MIGUEL
Licenciado en Filosofia, entusiasta da Informática, e apaixonado pola relación entre ambas as duas. Preocúpanme seriamente o impacto antropolóxico que as TICs están a ter no noso tempo, as implicacións éticas e sociais da revolución tecnolóxica que estamos a vivir, e a capacidade inaudita que a dixitalización de todo dá a gobernos e grandes corporacións para manipular e controlar a vida das persoas. Por iso, levo media vida formándome e facendo activismo en favor do software libre, a criptografía e a privacidade dixital.

MARIA
Hai xa moitos anos decidín que quería dedicarme á defensa da autonomía persoal, da recuperación da soberanía sobre as nosas vidas. Estudei e desenvolvín esta perspectiva aplicándoa sobretodo ao corpo e á saúde (na última década convertinme en activa divulgadora da farmacopea open-source!), até que caín na conta de que -se a nosa vida é cada vez mais dixital- ten tamén todo o sentido aplicar ás ferramentas informáticas os mesmos principios de coñecemento libre e soberanía persoal.