
Activar Family Link -a ferramenta de Google para o control parental- no teléfono móbil do teu fillo ou filla, é unha excelente via para comprobar até que ponto esta multinacional controla todos os teléfonos Android comerciais. Si, TODOS. O caso é que para instalar a aplicación de control parental no teléfono que queras controlar…non tes que instalar nada. Así é como funciona:
Todos os Android que teñen os Google Mobile Services (GMS) instalados e plenamente activos deben estar ligados a unha conta da compañía. Este é, tal vez, o primeiro grande problema para a privacidade de quen non utiliza alternativas libres como GrapheneOS: Google ten identificados todos os dispositivos Android (igual que Apple ten identificados todos os iPhone), e rexistra e indexa todos os datos que xera a súa actividade (localización, contactos, apps, pesquisas, redes, etc). Pois ben, a solución de control parental de Google é así de simple: a compañía permíteche controlar calquera sistema operativo Android ligado a unha conta de menor que ti fixeses desde a túa conta de pai ou mai. Para controlar a actividade do dispositivo si que tes que instalar unha app (Family Link), mais para que o móbil da crianza sexa controlado non hai que instalar nada. O que acontece, simplemente, é que unha vez que tu demostras ter dereito ao control parental sobre ese dispositivo, Google che cede (ou mais ben, comparte contigo) o poder de control que ten sobre todos os móbiles con GMS.

A experiencia é ilustrativa, porque ao poder ver a localización en tempo real do teu fillo ou filla, bloquear ou desbloquear o seu móbil, limitar o uso de aplicacións, permitir ou proibir a instalación de novas apps… podes tomar conciencia de que Google ten exactamente o mesmo control sobre o teu. Cos Android comerciais e cos iPhone somos crianzas baixo a tutela de Google ou Apple: a nosa actividade é monitorizada e rexistrada constantemente por quen non ten -aínda que se arroga- a lexitimidade de controlar a nosa vida dixital.
Existen alternativas que nos devolven a soberanía sobre os nosos dispositivos, o que hai neles, e o que facemos con eles. LineageOS é un Android sen o control de Google, baseado directamente no AOSP e compatíbel cunha variedade ampla de móbiles. GrapheneOS suma ao cuidado pola privacidade unha preocupación extraordinaria pola seguranza (até o ponto de que é imposíbel controlar con Family Link ou con calquera outro software espía un dispositivo con este sistema), mais ao prezo de unicamente ser instalábel en dispositivos Pixel.
Google non quere adultos dixitais. Pero, se xa es maior de idade, non hai motivo para que lle continúes permitindo a ningunha empresa multinacional un control sobre a túa vida que xa non permitirías nen aos teus pais.