Durante os pasados 17 e 18 de Abril, tivemos a alegría de poder participar no Congreso esLibre, que nesta edición se celebrou na Galiza. Organizado marabillosamente polas asociacións MELISA e GALPon, o congreso tróuxonos perto da casa (en conreto, á vila de Melide) unha chea de coñecementos e persoas interesantes, das que estivemos aprendendo durante dous dias ben intensos.
Nós tamén participamos no programa de actividades con duas pequenas charlas. A primeira titulouse “É posíbel ser libre con un smartphone no peto?“, e pretendeu abordar criticamente a realidade destes dispositivos e das dinámicas sociais que constrúen, ao tempo que facer un repaso rápido polas alternativas libres que existen. Deixamos aqui embaixo os diapositivos da nosa apresentación:
Se queredes as imaxes con maior calidade (podédelas utilizar libremente), descargade o pdf desde aqui.

No segundo día, participamos coa presentación “Software libre para a protección de datos“, na que expuxemos algunhas das necesidades técnicas fundamentais que ten que enfrentar quen traballa con datos sensíbeis, e como resolvelas con ferramentas de código aberto. Eis os diapositivos nos que apoiamos a nosa charla:
Se queredes as imaxes con maior calidade (podédelas utilizar libremente), descargade o pdf desde aqui.
Sirva este post para manifestar o noso agradecemento ás asociacions organizadoras e a todas as persoas voluntarias que fixeron posíbel esta edición do esLibre. Tamén a todas aquelas ponentes que nos agasallaron con valiosísimas píldoras de coñecemento, ás e aos participantes que compartiron con nós estas dúas xornadas (mención especial ás conversas que puidemos manter durante os extraordinarios xantares ofrecidos por Librebit) e en particular a todas aquelas persoas que se achegaron polo noso posto, se interesaron polo noso traballo, e nos trataron con tantísima amabilidade.
Voltamos de Melide con forzas renovadas para continuar a traballar desde e para a soberanía dixital e o software libre. E con ganas imensas de repetir a experiancia o ano que ben!