Fixéronnos unha entrevista no Faro de Vigo, a raíz da formación sobre Bitcoin que impartimos desde BITNÓS. Reproducímola no noso blog, e tamén ligamos cara a fonte orixinal aqui.
Aprender sobre Bitcoin en galego e dende o rural é posible: Bitnós, en San Cristovo de Cea, organiza unha formación para xestionar criptomoedas

A iniciativa BitNós busca desmitificar o mercado das criptomoedas mediante un curso presencial e telemático centrado na autocustodia de activos e a privacidade dos datos
Por David Alján
O mundo das criptomoedas adoita estar representado pola pretensión. A primeira imaxe que moita xente atopa á hora de querer informarse sobre as súas posibilidades é a de rapaces en traxe e mansións de luxo, que prometen facer unha fortuna con investimentos mínimos en cuestión de días, tan só seguindo os seus pasos ou apuntándose a un curso aparentemente gratuíto. Un panorama ilusorio que, no mellor dos casos, acaba en decepción —e, no peor, en estafas ou grupos de comportamentos sectarios—, pero que sobre todo impide coñecer realmente as bondades do «ouro da rede». Pero, como todo, o mundo non é só dos cryptobros: tamén é de quen opta pola soberanía dixital e demostra que aprender sobre investimentos dixitais en galego e dende o rural é posible.
BitNós leva o Bitcoin a San Cristovo de Cea
É o caso de Miguel García, que este ano abriu en San Cristovo de Cea o seu local de informática e que este outubro ofrecerá un curso para coñecer, entender e utilizar Bitcoin. Baixo o nome de BitNós, dedícase a ofrecer solucións de protección de datos a empresas baixo unha filosofía de software libre, é dicir, de forma que a información do usuario quede na súa privacidade e sexa el quen decida quen pode acceder a ela. Dentro deses datos dixitais que é importante protexer, explica, están as criptomoedas: «Creo que é un invento extraordinario, porque permite xestionar o noso patrimonio sen depender de bancos, estados ou avatares políticos», relata, sobre un produto que, para el, é equivalente ao ouro.
«De toda a vida houbo xente que conservaba o seu diñeiro nese metal para que non perdese valor, e non facía falta ser multimillonario. Podía ser ter un dente ou unha alianza para gardar aí un pouco do patrimonio polo que puidese pasar. O bitcoin é o mesmo, pero en dixital, e é especialmente interesante porque che permite gardalo dunha forma máis segura, ademais de poder levalo a calquera parte do mundo sen problemas», defende. Só fai falta lembrar 12 palabras, xa que cada carteira de criptomoedas forma así o seu código de recuperación.
Un curso para entender e custodiar criptomoedas
O curso, que consistirá nunha formación de 10 horas, contará con catro de ensino telemático, mentres que as seis restantes se impartirán de forma presencial na vila do pan. «No online explicaremos a parte máis teórica, é dicir, que é realmente o Bitcoin e como funciona, e xa en Cea abordaremos a parte práctica, xa que tamén queremos ensinar a autocustodiar as moedas dixitais para non ter que gardalas nun exchange —casas de cambio dixitais, as fórmulas máis comúns— e poder ter todo o control sobre elas», comenta García.
Neste sentido, o curso está dirixido a todos os niveis, dende «quen non ten nin idea e só escoitou falar deste mundo» ata quen xa mercou criptomoedas e quere xestionar con maior soltura os seus activos. «Haberá xente con moita experiencia en informática e tamén persoas ás que lles custa manexar un ordenador, porque hai moitos perfís distintos que por cuestións económicas están interesados neste mundo», apunta. É a primeira formación que fan en BitNós, aínda que Miguel xa ten levado a cabo cursos sobre o tema no centro de innovación de La Molinera.
Fuxir dos tópicos dos cryptobros
Toda a mensaxe de García trata de escapar desa «aura de cousa estraña, friki ou perigosa» que ten o mundo das criptomoedas, e máis aínda da asociación con contornas de mansións e Lamborghinis. «É algo derivado de que o Bitcoin fose o activo que máis aumentou de prezo en moitísimos anos. A explosión de valor rodeouse de todo ese mundo especulativo, pero aínda que iso non tivese pasado, seguiría sendo un invento extraordinario», explica.
De feito, Miguel destaca o valor do investimento en Bitcoin dentro do contexto que vive España en canto ao mundo inmobiliario, xa que permite conservar os aforros sen que iso inflúa nun ben de primeira necesidade: «Penso que é mellor e moito máis saudable que a xente que ten moito diñeiro o invista en Bitcoin que en vivenda», afirma. Non é de estrañar nel ese pensamento máis alá do puramente tecnolóxico: aínda que se define como un entusiasta da informática, Miguel licenciouse en Filosofía e declárase un apaixonado daquelas cuestións que agrupan as dúas ramas.
Software libre, Xeración Nós e soberanía dixital
De feito, o propio nome da súa compañía ten un pensamento detrás, xa que considera que quen promove o software libre e a soberanía dixital loita polos mesmos dereitos de expresión e formas de vida ante o control de poderes alleos que defendía a Xeración Nós de Castelao, Risco ou Otero Pedrayo, quen, ataviados con camisetas frikis ou ordenadores Linux, dan imaxe á marca. Culminan este vínculo cunha comunicación 100% en galego, a mesma lingua que empregan no día a día, pero que é raro escoitar no mundo da criptomoeda.
E, por se lles faltase enxebridade, fan todo isto no rural: «Vivimos nunha aldea de apenas 30 casas preto de Cea, á que eu cheguei dende a cidade canso do ruído, o estrés e o ambiente tóxico que se vivía. Penso que o mundo dixital estase convertendo niso tamén, e por iso defendemos o software libre», culmina.