
Existe unha necesidade económica que tradicionalmente se ven resolvendo por medio da compra de bens inmóbeis. Esa necesidade é a colocación do aforro nun instrumento que non perda valor co paso co tempo. Poñamos que tes 60.000 € aforrados. Se mantés ese valor en euros, pasado un ano terás 1800 € euros menos por causa da inflación. Así que, tradicionalmente, no noso país a xente preferiu cambiar o diñeiro por bens que aumentasen -ou, polo menos, que non perdesen- o seu valor co paso dos anos, a fin de, no futuro, a familia poder recurrir a ese aforro cando for necesario. É por iso que as casas e as terras se convertiron nun dos bens preferidos por aforradores, inversoras e especuladores.
O problema é que as casas e as terras teñen outra función económica, distinta á de seren refuxios de valor. As casas resolven unha das primeiras necesidades materiais de calquera persoa e, de feito, están na orixe etimolóxica do termo economia (o grego οἰκονομία , oikonomia, fai referencia á administración do oîkos, do lar). As terras, pola sua banda, son a base das economias rurais, e o alicerce de toda a alimentación humana. Se pugnan por elas tanto quen necesita teito como quen ten miles de euros aforrados (ou quen xestiona os fondos millonarios de miles de aforradores, como son os bancos e os fondos de investimento), os mais pobres do primeiro grupo teñen todas as de perder. E é así que o conxunto da sociedade asistimos e participamos do espectáculo indecente de que moitas persoas teñan difícil acceso a un ben de primeira necesidade… porque ese mesmo ben está a ser utilizado para cubrir unha necesidade económica distinta. É algo así como se as patacas fosen unha boa moeda (que non o son), e a xente as atesourase en vez de comelas e deixalas comer.
Bitcoin como instrumento para a conservación e transmisión temporal de valor
Se recoñecemos a función económica de conservar o valor do aforro como razonábel e lexítima, do que se trata é de encontrar un instrumento que non sexa, ademais, un ben de primeira necesidade. A humanidade encontrou e institucionalizou para este fin alguns bens que sirven para a función, como os metais preciosos, as xoias ou as obras de arte. Porén -por diversos motivos que van desde a accesibilidade ate a familiaridade- para a maioría da xente estes bens non son tan fáciles de adquirir como unha casa ou un eido. Non sería maravilloso que, en vez de invertir en casas, quen ten aforros puidese conservalos en algo que só sirve para iso -e que, por ser o instrumento óptimo para cumprir esa función, cada vez é mais valorado– pero que é tan facil de adquirir, conservar e transmitir como unha lista de 12 palabras?
Ese instrumento existe desde 2009, e chámase Bitcoin. A sociedade aínda non comprendeu nen valorou ben a importancia que tivo ese invento anónimo, aberto e descentralizado que permite resolver con código unha necesidade que move miles de millons de euros. Alguns critican que Bitcoin “non é nada físico”, pero precisamente niso radica unha das suas virtudes como instrumento de inversión: non é un ben de primeira necesidade nin ocupa o espazo que outras persoas necesitan habitar ou cultivar. É, pola contra, un instrumento deseñado especificamente para conservar e transferir valor a través do tempo e do espazo (por iso tamén é moi superior a calquera outro dos bens de inversión habituais: porque, se estala unha guerra, non podes atravesar océanos e fronteiras con un Picasso ou unha saca de moedas de ouro baixo o brazo). Ademais, sabendo custodialos de maneira privada e segura, os bitcoins son practicamente inconfiscábeis e inembargábeis por medios convencionais: non se poden bloquear como unha conta bancaria, nen expropriar como unha casa ou unha terra.
É un feito que a mesma sociedade que se indigna coa especulación inmobiliaria, protexe o seu aforro directamente en bens inmóbeis, ou indirectamente en bancos e fondos que invisten no sector inmobiliario. E se parte da solución pasase por facelo utilizando o invento inmaterial, incensurábel e inconfiscábel de Satoshi Nakamoto?